jueves, 8 de octubre de 2015

Primeiros pasos na Orientación Laboral



A orientación laboral ten como finalidade básica facilitar a inserción e mantemento das persoas no mercado de traballo. Esta labor comeza co proceso fundamental de axudar a definir obxectivos profesionais. A elección correcta destes obxectivos, permitará achegar a persoa destinataria a súa meta laboral.

Os obxectivos… claros!
Os obxectivos profesionais ben definidos terán en conta a competencia laboral propia da persoa destinataria, os seus intereses individuais e ás necesidades do mercado de traballo, é dicir, serán axustados á persoa e realistas e concordantes coas necesidades da contorna.

Factores que complican a auto-orientación da persoa
O descoñecemento das propias habilidades e capacidades, a ausencia de experiencia laboral, a falta de coñecementos sobre o mercado de traballo e o concepto que de sí mesma ten a persoa, son algúns dos factores que conducen a unha incorrecta definición de metas e a unha auto-orientación laboral desaxustada.



Como identificar o punto de partida
O proceso de orientación laboral debe axudar a que a persoa elabore un concepto adecuado de sí mesma e do seu papel no mercado de traballo. Os aspectos a ter en conta neste camiño son:

A motivación laboral real da persoa e a iniciativa na procura de emprego: o tipo de búsqueda que realiza, a frecuencia, a eficacia. En definitiva, onde, cando e como solicita emprego. O método utilizado e a constancia son factores que nos indican o nivel de motivación para o emprego e o manexo que ten a persoa das técnicas de procura de emprego.

A situación familiar e a percepción de recursos económicos que cubran ou solucionen as necesidades mínimas. Estes aspectos poden estar sumando ou restando impulso e motivación para acceder ao mercado de traballo. Nalgúns casos non será necesario pero noutros será fundamental solicitar un recurso de carácter asistencial, ocupacional, unha axuda, prestación social ou económica.

A historia formativa/laboral e a relación da persoa co mundo laboral: o nivel de coñecemento das condicións laborais, as ideas sobre o mercado de traballo, os cursos de formación, os traballos desempeñados, as funcións realizadas, o tipo de xornada, a relación cos compañeiros/as ou xefes/as, o motivo da finalización das relacións laborais, o nivel de satisfacción alcanzado, as causas de abandonos laborais, formativos… Todos estes aspectos son indicadores sobre os intereses, habilidades laborais, competencias, preferencias e límites da persoa.

O tipo de actividades que realiza durante o día: afeccións, gustos, tarefas... e a opinión da persoa sobre o seu estilo de vida tamén nos achegará aos seus valores vitais.

Os erros máis frecuentes
Non avaliar a motivación real para traballar da persoa.
Non avaliar o nivel de axuste laboral e social.
Non avaliar o coñecemento do mercado laboral.
Non ter en conta as preferencias e intereses da persoa.
Non considerar a contorna familiar e a súas características (económicas, sociais, culturais...).
Entender a orientación como información xeral ou asesoramento superficial (listados de webs, de cursos de formación, de ofertas de emprego…), saturando á persoa de información e xerándolle un sentimento de non ser capaz de abarcar todo o que aparentemente lle require o mundo profesional.
Facer prevalecer a opinión da persoa que orienta sobre a persoa orientada na decisión dos obxectivos finais.
Promover a elección dunha única vía de acceso ao emprego.
Non tomar en consideración as demandas do mercado de traballo.



Conclusións
O fin último dun proceso de orientación laboral é conducir á persoa cara a súa inserción, cara as súas metas profesionais, tendo en conta situacións persoais, intereses vocacionais, preferencias, habilidades e coñecementos, así como as demandas do mercado laboral.

Para iso a primeira etapa tratará de identificar o punto de partida coñecendo os intereses profesionais da persoa, as súas expectativas vocacionais, o nivel de coñecemento e relación co mercado laboral, así como a motivación real cara o traballo.

Hai de suliñar que a orientación laboral non é unha labor puntual, xenérica e superficial senón un proceso cunha continuidade no tempo que debe partir dun coñecemento e axuste á persoa e aos requirimentos do sistema social e económico.

Para saber máis:

1 comentario: